Itinerario 2: Oseira
Pola estrada de Oseira que atravesa terras do Concello de Piñor, a ermida de A Ventela, que foi da Abadía de Oseira, con retablo do século XVIII e unha pétrea imaxe gótica da Virxe. Desde aquí parte o vello camiño que bordea a cerca do Mosteiro Cisterciense de Santa María de Oseira, no que hai un cruceiro, e chega ata Casledo, onde se pasa a carón doutro vello cruceiro, unha sobranceira obra da segunda metade do século XVI. Atravesando a ponte chegamos ó lugar, desde o que se entra no monumento por excelencia do concello. Á esquerda do arco de enreda Museo Etnográfico Liste, un dos mellores de Galiza, hoxe en proceso de deslocación cara Vigo e Pontevedra. Oseira é monumento nacional, que se inicia na segunda metade do século XII, con igrexa concluída a finais do primeiro terzo do seguinte, obra románico- gótica de peregrinación, con cúpula do monxe Ferrán Martínez (1282). A sancristía, o vello Capítulo baixo (das Palmeiras", a escaleira dos Bispos, e o patio dos Pináculos son obras dos séculos XV-XVI (do Renacemento), mentres que as fachadas da igrexa (1636-1650, de Miguel Arias) e do mosteiro (XVIII, Francisco de Castro Canseco e Fr. Plácido Iglesias), os patios dos Cabaleiros e Medallóns, e a gran Escaleira de Honra, intermedia a ambos, coa impresionante biblioteca, son todas xa de estilo Barroco. O antigo arquivo baixo, o locutorio, o museo e o refectorio alto –este obra refeita: capiteis e un arco orixinais, o resto engadido polo mestre de obras do mosteiro frei - merecen visitarse.Na igrexa hai retablos do século XVIII con tallas escultóricas de Mateo de Prado (XII), no deambulatorio, e José Gambino (XIII), no cruceiro. O conxunto das pinturas murais de bóvedas e paredes son obra de José Maceira (XVIII), o de maior extensión do estilo Barroco en Galiza. As da cúpula con santos da Orde son anteriores. Na praza do Mosteiro, está o antigo seminario para o ensino dos vasallos, obra do século XVIII, e no lugar o antigo Hospicio, a Botica e as casas que foron do médico e do boticario do mosteiro. Na portería hai libros, licores, queixos, e artigos relixiosos para axuda económica da comunidade e satisfacer o turismo que ata aquí se achega, o segundo punto en importancia de toda a provincia, logo da cidade capital Hai hospedaría mixta con fins relixiosos. Actualmente non ten abade, senón Superior, situación provisoria.
Textos sacados de "Do Gran ao Pan" de Xabier Limia de Gardón
© As fotos son propiedade de www.concellodecea.com, e queda prohibida a súa reproducción total o parcial sen autorización expresa dos propietarios.
Para ampliar as imaxes preme sobre elas